jueves. 02.05.2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro de día para persoas maiores de Xinzo, que pertencia á rede pública. Xunto a el estivo a alcaldesa, Elvira Lama; e outros políticos da vila como Antonio Fernández, portavoz e candidato do PP de Xinzo; ou Carlos Gómez Salgado de Vedmar, deputado popular no Parlamento de Galicia.

Esta visita serviu para coñecer de primeira man o estado das instalacións, xa que a Xunta financiará a reparación da cuberta. A actuación prevista ten un custo duns 50.000 euros e permitirán solucionar os problemas de humidades que ten o centro. Os traballos consistirán en protexer da auga da chuvia as fachadas e cubertas das instalación. O Consorcio financiará a intervención a través da compensación das liquidación que paga ao Concello pola xestión deste servizo e será o organismo local o encargado da súa execución.

Rodríguez enmarcou estas obras dentro do programa de melloras e mantemento da rede de centros do Consorcio, que está formada por centros de día como o de Xinzo, residencias, vivendas tuteladas e escolas infantís. O obxectivo é poñer á disposición dos usuarios uns equipamentos que sexan funcionais e cómodos. Ademais, destacou a importancia que teñen os concellos á hora de poder ofrecer ás familias uns servizos de calidade.

Este centro de Xinzo conta con 30 prazas e iniciou a súa actividade hai 14 anos para dar coidados e atencións aos maiores do municipio e da contorno. Nestes momentos, a súa ocupación é de prácticamente o 100%.

Melloras para a escola infantil

Rodríguez aproveitou esta visita para anunciar que tamén repararán pequenas deficiencias detectadas na escola infnatil, causadas pola humidade. Estas repararanse con tratamentos a base de pintura antihumidade que se aplicará trala limpeza e reparación das zonas afectadas. A isto sumaránselle unha actuación sobre o pavimento do centro, substituíndo a tarima afectada. O custo estimado é duns 4.000 euros.

NOTICIAS XINZO | O centro de día reparará a súa cuberta para evitar problemas de humidades