NOTICIAS XINZO | Chega a edición máis ambiciosa da Festa do Esquecemento cun gran circo romano e máis de 50 actividades
A conta atrás para a XXV Festa do Esquecemento xa comezou! A Alameda do Toural en Xinzo de Limia foi o escenario escollido para a presentación oficial do cartel e da programación desta edición tan especial, que conmemora 25 anos dun dos eventos de recreación histórica máis relevantes de Galicia. Un aniversario que se celebrará do 22 ao 24 de agosto, prometendo unha festa máis grande e espectacular ca nunca.
O cartel desta edición histórica captura un momento simbólico: a vitoria romana e a caída do líder galaico castrexo, unha imaxe de gran forza visual que resume o espírito dunha festa que convida a vivir o pasado sen conflitos, con orgullo e en clave de celebración colectiva. Organizada pola A.C. Civitas Limicorum, a programación desta vixésimo quinta edición inclúe máis de 50 actividades completamente gratuítas, entre as que se atopan espectáculos, concertos, pasarrúas, animacións, desfiles, teatralizacións e eventos simbólicos como o prendido e o apagado do lume sagrado.
A Festa do Esquecemento non é só cultura e diversión; tamén é un motor económico para Xinzo. O alcalde, Amador Díaz, destacou que a festa é xa un referente consolidado, que atrae a máis de 20.000 visitantes durante a fin de semana e ten unha repercusión directa en sectores clave como a hostalería, os hoteis, as tendas de teas ou os talleres de costura. "É festa, é cultura, pero tamén economía local", afirmou o rexedor, quen tamén quixo poñer en valor o traballo incansable da Asociación Cultural Civitas Limicorum, impulsora da celebración desde os seus inicios.
Un programa que se espalla por todo o centro de Xinzo
A gran novidade da edición 2025 será o esperado regreso do Gran Circo Romano, un espectáculo de gran formato con cuadrigas, loitas de gladiadores e gradas para o público, onde se dará preferencia a quen acuda vestido de época. Este será un dos actos centrais da fin de semana, recuperándose despois de anos sen celebrarse. A música tamén terá un papel protagonista, con concertos durante os tres días e máis grupos participantes ca nunca. Ademais, a festa non se concentrará nun único espazo; a programación está deseñada para activar todos os escenarios e zonas do centro da vila —como o Campamento Galaico-Romano, a Praza Maior, o Parque do Toural ou o Casco Vello— con propostas variadas e en diferentes horarios.
Marcos Argibay, presidente da A.C. Civitas Limicorum, convidou a toda a cidadanía a participar: "Queremos que todo o mundo se sinta parte desta festa, sen prexuízos, sen complexos. Vístete de castrexo, vístete de romana, e intégrate na historia con nós. Non hai que ser recreador profesional para vivir o Esquecemento como un máis. A festa é de todas e todos". Argibay engadiu que esta edición é especial non só polo número de actividades ou o aniversario, senón polo seu significado: "volver mirar atrás para celebrarnos como comunidade, para reivindicar a nosa identidade e para compartir todo iso con quen nos visita".
O programa completo da XXV Festa do Esquecemento xa está dispoñible na páxina web de Civitas Limicorum.