sábado. 04.05.2024

O Concello de Xinzo presentou esta mañá a programación cultural para este verán na localidade. A nova corporación municipal, especialmente dende a área de Cultura que encabeza Carlos Gómez, traballou sen descanso para elaborar un "programa atractivo para todos os públicos", sinalou o concelleiro no acto deste martes, no que tamén estaban presentes o alcalde, Amador Díaz; e o concelleiro Ricardo Sieiro.

"Limiarte: Un verán de lingua e arte" é unha das apostas para este verán, que comezará o sábado ás 20:30 horas na Praza Maior cunha actividade de monicreques, "Fazulas e o ladrón de paraugas" de Bandullo Azul. Esta iniciativa cultural, de carácter infantil e familiar, continuará ao longo de todos os sábados do verán, excepto o 19, e o día 15 de agosto, ata rematar o 26. "Con esta actividade pretendemos poñer en valor a nosa lingua e ós artistas e creadores galegos", engadiu Gómez.

 

Outra das propostas destacadas é "Camiñantes e cantantes" de La Ocaband, unha actividade que se desnevolverá o vindeiro 25 de xullo no barrio do Polígono. Este espectáculo rememora éxitos e artistas da música galega, relacionándoo todo co Camiño de Santiago. Pepo Suevos, Manuel Manquiña e Pili Pampín serán os encargados de dirixilo e tamén participarán nel, explicou Xoán M. Paradela, un dos promotores desta iniciativa.

En agosto volverán a Xinzo as Xornadas de Folclore, que contan co patrocinio da Deputación de Ourense e coas que colabora o Concello, que traerá ata a vila a cultura dos diferentes países participantes. Outro dos eventos destacados nese mesmo mes é a Festa do Esquecemento, que terá lugar os días 18, 19 e 20. Gómez resaltou o traballo da Asociación Civitas Limicorum na súa organización e destacou que esta 23ª edición contará co espectáculo do Bruxo Queimán.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, destacou a programación cultural lograda polo Concello con tan pouco tempo, xa que a nova corporación empezou a traballar o pasado mes de xuño. O Goberno autonómico colabora con estas actividades, polo que García incidiu no seu carácter familiar xa que "é moi importante para a transmisión interxeracional dos nosos valores e da nosa cultura".

 

A programación comezará este xoves co "Circo do Silencio", un cuarto de escape no que pode participar toda a familia, pero que busca captar a atención da mocidade. "Xogamos coa cultura, a lingua e tamén coa convivencia entre eles ao facerse en equipo", comentou García.

Na presentación tamén se recomendou a exposición "Unha moza viquinga", que se atopa na Casa da Cultura e rende homenaxe a Kristina Berg, a falecida viúva de Carlos Casares.

 

Programación completa de Limiarte para este verán.
Programación completa de Limiarte para este verán.

NOTICIAS XINZO | O Concello organiza unha programación cultural de verán para todos os...