sábado. 27.04.2024

A escultura da Dama da Lagoa xa preside a rotonda que enlaza Xinzo coa A-52. Despois de case tres anos agardando no taller do escultor limiao Xosé Lois Carreira, a obra ocupa o lugar para o que foi encargada hai máis dun lustro.

O artista traballou a man nesta escultura de granito que se fixo de rogar. Con preto de sete metros de altura e 150 toneladas de peso, Carreira deulle vida á Dama da Lagoa a base de instrumentos como o cincel ou o pico. Moitas horas de esforzo hai detrás desta figura, máis de dous anos de traballo, que agardou na sombra para ocupar o espazo destinado para ela.

A Dama da Lagoa é o resultado dunha lenda e tamén unha representación do empoderamento feminino, que está acompañada de símbolos que representan a Xinzo. Destaca a Pantalla do Entroido que loce ó pé desta gran escultura.

Para a súa colocación empregouse unha grúa con pluma, polo que o tráfico de entrada a Xinzo pola zona do parque empresarial viuse condicionado.

A figura recibirá ós vehículos que entren a Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
A figura recibirá ós vehículos que entren a Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

NOTICIAS XINZO | A Dama da Lagoa acaba unha longa espera e xa ocupa o seu lugar