lunes. 07.10.2024

Este sábado, Ramón de la Fuente Galván será nomeado, a título póstumo, fillo adoptivo de Xinzo de Limia, como recoñecemento á súa traxectoria profesional e dedicación a favor da cidadanía. O acto terá lugar ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, onde porá en valor a súa implicación con este pobo, tanto na súa faceta profesional como médico como na súa actividade política, así como sendo promotor e colaborador, persoal e desinteresadamente, en accións culturais e deportivas.

No último pleno de 2022, aprobouse o expediente para levar a cabo este nomeamento. “Máis alá do seu labor como médico, sempre xeneroso co afecto cos pacientes, integrouse tanto no ambiente e nas necesidades da vila que termina por participar activamente en moitos ámbitos da vida social de Xinzo, apoiando o desenvolvemento de múltiples actividades”, sinalouse.

Os últimos 50 anos da historia limiá están ligadas á vida do doutor Ramón de la Fuente Galván, que faleceu o 31 de outubro de 2021. En 1958 comezou a exercer a medicina rural en Xinzo, afrontando as dificultades que existían e abrindo unha clínica que foi pioneira e un referente. Na Limia tamén deixou pegada a través do Antela Fútbol Club. No 1971, De la Fuente axudou a refundalo e o equipo comezou unha nova andadura como federado.

No ámbito político, De la Fuente formou parte de distintas corporacións durante a ditadura por imposición e, coa chegada da democracia, foi concelleiro en case todos os mandatos, ata a súa retirada despois de ser alcalde. A súa presenza na política sempre estivo ligada á posibilidade de "poder aportar algo ao ben común", sinalan dende o Concello, sen intereses persoais.

Cartel do acto en homenaxe a Ramón de la Fuente Galván.
Cartel do acto en homenaxe a Ramón de la Fuente Galván.

NOTICIAS XINZO | Ramón de la Fuente será nomeado fillo adoptivo da vila este sábado