O centro de Xinzo propón unha alternativa ecolóxica aos plásticos no rural

NOTICIAS XINZO | O IES Cidade de Antioquía gaña un premio InnovaTech por un proxecto sostible

Gañadores do centro IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia.

O IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia foi un dos centros recoñecidos na segunda edición do certame InnovaTech FP, un programa promovido pola Xunta de Galicia para fomentar a innovación e o emprendemento industrial no ámbito da Formación Profesional. A proposta premiada céntrase no desenvolvemento de mallas de biomulching e protectores biodegradables elaborados con virutas de madeira, pensados para o sector da biomasa forestal.

 

O proxecto busca substituír os plásticos habitualmente empregados na agricultura e silvicultura por materiais naturais que melloran a retención de humidade no solo, controlan a maleza e protexen as árbores novas. Unha proposta cun claro enfoque sostible, orientada a reducir o impacto ambiental e promover a economía circular no medio rural galego.

O IES Cidade de Antioquía gaña un dos premios INNOVATECH.

 

Este traballo forma parte dun conxunto de vinte solucións innovadoras desenvolvidas por estudantes de FP en resposta a retos reais formulados por empresas galegas. No caso do equipo de Xinzo, o reto foi proposto pola empresa Biomasa Forestal, e a súa solución foi seleccionada como unha das máis destacadas entre os 243 equipos participantes.

 

A entrega de premios celebrouse este luns no CIFP Universidade Laboral de Culleredo e estivo presidida polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. No acto participaron arredor de 500 persoas, entre alumnado, docentes e representantes das empresas implicadas.

 

O certame InnovaTech FP, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030, contou nesta edición coa participación de 1.000 estudantes e 240 docentes de 72 centros educativos, que traballaron en equipo para dar resposta a retos tecnolóxicos cun enfoque innovador, sostible e con impacto real no tecido produtivo galego.