sábado. 27.04.2024

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia presentou unha moción pola vía de "urxencia" para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro luns, na que solicita ao goberno municipal que se habiliten axudas municipais para libros de texto e material escolar dos alumnos da segunda etapa de Educación Infantil. Os socialistas instan ao Concello a preparar unha partida orzamentaria suficiente para establecer dita axuda daqueles estudantes matriculadas nos CEIPs de Xinzo.

Dende o grupo municipal socialista tamén requiren que “se elaboren as bases da convocatoria con carácter de urxencia, polas datas nas que nos atopamos, e así poder paliar os efectos económicos que están a sufrir as familias. Os socialistas consideran que, tralo inicio do curso escolar o pasado luns, as familias “afrontan moitos gastos, que na conxuntura actual, supón un duro golpe para as precarias economías domésticas dalgunhas familias do concello de Xinzo.

O último informe da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) conclúe que o gasto medio en libros de texto sería duns 200 euros, variando entre as diferentes etapas. A isto hai que sumar uns 95 euros de gasto medio en material escolar, “iso sen tomar en consideración as cotas da AMPA, os costes das actividades organizadas polos centros ou as actividades fóra do horario lectivo para aquelas familias que precisen conciliar”, explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama.

Segundo o informe da Organización de Consumidores e Usuarios, o gasto medio en libros de texto é dun 200 euros e súmanselle uns 95 para material escolar

A socialista considera que os alumnos e as súas familias con necesidades “deberían recibir das administracións os recursos necesarios con criterios de igualdade e equidade. Neste senso, apunta que “a axuda proposta non debe ser inferior á que reciben os demais alumnos e alumnas por parte da Xunta”. Lama lembra que durante o seu mandato “tivemos en conta esta situación no curso 21-22 e, durante os meses de verán, elaboráronse unhas bases reguladoras, publicadas o 27 de agosto de 2021, para dar cobertura aos gastos de libros e material escolar nas familias que así o solicitaron para a etapa de educación infantil”.

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia sinala que “este ano non se tivo en conta a situación das familias, nin se actuou con previsión por parte do Concello para atender as súas necesidades. Cabe sinalar que segundo as información dos equipos directivos dos centros educativos do municipio, “estamos falando dun total de 206 alumnos e alumnas que poderían beneficiarse destas axudas”, subliñan.

Por último, fan fincapé en que as actuais axudas da Xunta para libros de texto e material escolar “son claramente insuficientes, posto que non toman en consideración máis gastos que os dos libros, cando unha familia pode chegar a gastar non menos de 200 euros na etapa de educación infantil”. Conclúen que o goberno galego “deixa totalmente desprotexidas ás familias con cativos e cativas nos cursos de Infantil e a todas aquelas que estean en situación de vulnerabilidade, motivo polo que consideramos que o concello debe apoiar a ditas familias habilitando estas axudas”.

NOTICIAS XINZO | O PSdeG pide ao Concello unha liña de axudas para libros e material...