viernes. 19.04.2024

“É un honor e unha grande satisfacción que o meu concello, por petición popular, me conceda esta importante distinción. Estou moi agradecido a todos os veciños que participaron na solicitude, e igualmente a toda a corporación municipal por atender a petición que dá mérito aos meus traballos sobre a nosa historia”, di Edelmiro Martínez Cerredelo a través do WhatsApp este mércores, minutos despois de que o pleno de Xinzo de Limia acordase por unanimidade concederlle a distinción de Fillo Predilecto da vila e a medalla do Concello.


Aínda non está decido nin cando nin como (podería ser no próximo pleno) se fará o acto oficial da entrega, explicou o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez (BNG), quen foi o encargado de dar lectura ao expediente de honra.  


“Edelmiro Martínez Cerredelo naceu en Xinzo de Limia, na casa da súa avoa emprazada na Praza de San Roque, o 24 de marzo de 1946. Dende moi novo traballou axudando na gasolineira do seu pai, no restaurante e noutras profesións. Unha vez prexubilado cursa estudos no Campus de Ourense, acadando no 2006 o título de Graduado Universitario Sénior. Neste tempo faise voluntario no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, realizando labores administrativas durante máis de 15 anos”, leu Ramiro Rodríguez nun pleno corto no que apenas se trataron dous asuntos. 

Martínez Cerredelo é autor de oito ensaios sobre diferentes aspectos da historia de Xinzo de Limia, desde a música e a memoria histórica até o fútbol. “Persoalmente o que máis me interesou foi o dedicado ao Entroido, por todo o que a festa significa para Xinzo”, confesa o concelleiro nacionalista. “Esta distinción era de xustiza e así o reflicte a unanimidade de toda a corporación”, sinalou Ramiro Rodríguez, quen espera que Cerredelo continúe publicando novas investigacións.


“Dedicareille a distinción e acordareime da miña dona, María, polo seu apoio e ánimo para a investigación e redacción dos meus traballos. Sen ela non tería sido posíbel”, subliñou Edelmiro Martínez Cerredelo na breve conversa co Diario do Limia desde Madrid onde leva uns días atendendo asuntos familiares. 

A CONTA XERAL
Polo demais, a sesión plenaria transcorreu lixeira e sen tensión, ao contrario que as dúas últimas. Dous concelleiros do PP asistiron por vídeo-conferencia, ao igual que Montse Lama (non adscrita). Os dous concelleiros socialistas atrasáronse uns minutos e desde os bancos do goberno pedíronlle a Elvira Lama que esperase para non levar sorpresas na votación sobre a conta xeral, un trámite. A alcaldesa deu por aprobada a conta dado que nas comisións previas suscitara unanimidade, mais o PP lembroulle á alcaldesa e á secretaria que tiñan feito reserva de voto. Finalmente votouse. O PP e Montse Lama, en contra; e os grupos no goberno, a favor. Foi aprobada. Mai o PP tivo ocasión de subliñar no debate que estaba en contra da conta xeral pola mesma razón que rexeitou os orzamentos: porque son “pouco sociais”.

  

NOTICIAS XINZO | “Sen a miña dona, María, non tería sido posíbel”