martes. 08.10.2024

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de presentar por rexistro un escrito no que insta ao bigoberno municipal de AXIL e o Partido Popular a que actúen coa "maior dilixencia" posible para presentar o proxecto de creación do museo de Carlos Casares. As e os socialistas explican que o concello dispón dun edificio na Praza Maior, que foi mercado polo anterior goberno municipal en maio de 2023, co obxecto de destinalo a este fin.

Dende o grupo municipal socialista en Xinzo explican que o pasado xoves "coñecemos a nova da reunión entre a Fundación Carlos Casares e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, na que se lle transmitiu, entre outras cousas, a vontade por parte da fundación de ter a súa sede física en Xinzo". Tal e como apuntan dende o PSOE de Xinzo, esta proposta foi feita pola ex alcaldesa, Elvira Lama, no ano 2022, cando se solicitou financiamento para mercar un inmoble céntrico que permitise a creación do museo de Carlos Casares.

A día de hoxe, a Fundación Carlos Casares mantén na planta baixa do Museo Galego do Entroido parte da exposición sobre "Os mundos de Carlos", unha importante cesión de fondos e efectos persoais do escritor que pode ser visitada, pero tal e como apuntan dende o PSdeG-PSOE limiá "pouca xente sabe dela".

"Co fin de darlle a Carlos Casares o lugar que merece no centro da vila a través dun espazo propio, xurdiu a decisión no anterior mandato de mercar o edificio para ubicar a sede da fundación", afirma a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández. A edil socialista tamén apunta que a compra "asinouse ante notario o 13 de maio de 2023 por importe de 60.000 €, a través dunha subvención nominativa da Deputación de Ourense, sendo o prezo estimado para a rehabilitación do edificio de 350.000 euros".

A voceira socialista manifesta que "despois dun ano, o concello tivo tempo suficiente para redactar o proxecto de rehabilitación e acondicionamento do inmoble adquirido polo concello en plena Praza Maior coa finalidade de destinalo a futuro museo de Carlos Casares e a punto de información turística".

"As e os socialistas creemos que en vista da boa disposición da Fundación Carlos Casares e do actual presidente da Deputación, Luís Menor, debe ser o concello quen presente, sen mais retraso, o proxecto de rehabilitación a entidade provincial a fin de poder acadar o financiamento para o vindeiro ano e que ese importe sexa incluído nos orzamentos da Deputación 2025", finaliza Elvira Lama.

NOTICIAS XINZO | O PSdeG úrxelle ao Concello a redación do proxecto do Museo Carlos...