lunes. 09.12.2024

A Concellería de Cultura de Xinzo quere impulsar unha solicitude para que o Esquecemento sexa declarado Festa de Interese Turístico de Galicia polo seu valor etnográfico, cultural, turístico e económico. O evento, que está organizado pola Asociación Cultural Civitas Limicorum en colaboración co Concello, celébrase o penúltimo fin de semana de agosto e mobiliza a milleiros de persoas para rememorar o pasado coa chegada das lexións romanas de Décimo Junio Bruto no 135 a.C.

O apoio a esta declaración supón unha aposta "de presente e de futuro que nos permita aspirar a seguir mellorando cualitativamente e cuantitativamente, co obxectivo de facer da mesma un evento que trascenda as nosas fronteiras". No pleno deste xoves, o trámite será sometido a votación antes os integrantes da corporación municipal.

 

Na sesión darase conta da importancia deste evento que, tras 22 edicións, está máis que consolidado no calendario festivo local, pero tamén galego. Ao longo deste tempo, a festa foi gañando en espectacularidade e destaca a escenificación de diversos aspectos da vida de hai dous mil anos e, especialmente, o cruce do Río Lethes. Os actos evocan o pasado do pobo de Xinzo de Limia e permiten a veciños e visitantes revivir acontecementos que forman parte do imaxinario colectivo.

Coa distinción que agora se solicita, faise unha aposta decidida por este tipo de eventos multitudinarios que permiten dinamizar a economía local e marcar no mapa a Xinzo de Limia como referente de cultura.

NOTICIAS XINZO | Solicitan que o Esquecemento se declare Festa de Interese Turístico de...