Nova ferramenta para facilitar o cumprimento da normativa contra incendios

NOTICIAS XINZO | Xa se pode consultar en Internet as zonas de limpeza obrigatoria de biomasa

Incendio en Guillamil, Concello de Rairiz de Veiga. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Concello de Xinzo de Limia informa da dispoñibilidade dun visor cartográfico en liña que permite consultar a localización e extensión das franxas secundarias de xestión obrigatoria de biomasa no municipio.

Esta ferramenta, habilitada a través da plataforma ArcGIS da Xunta de Galicia, permite identificar as zonas que deben cumprir coa obrigación legal de manter limpas e libres de vexetación combustible os primeiros 50 metros arredor de vivendas, núcleos de poboación, estradas ou infraestruturas sensibles.

Faixas de incendios do Concello de Xinzo de Limia.

A consulta pode facerse directamente desde calquera dispositivo a través da seguinte ligazón:

 https://arcg.is/ve4OH0

Dende o Concello faise un chamamento á responsabilidade individual para cumprir coa normativa e reducir o risco de incendios forestais, especialmente nos meses de maior risco.

A xestión destas franxas é obrigatoria segundo a Lei de Montes de Galicia e afecta tanto a propiedades particulares como a comunidades de montes ou administracións públicas. En caso de incumprimento, os concellos poden actuar subsidiariamente.