miércoles. 06.11.2024

Ante o tráxico suceso acontecido a semana pasada no IES Julio Prieto Nespereira de Ourense, no que un rapaz de 13 anos faleceu e outro resultou ferido trala caída dunha parede no vestiario do centro, o Partido Popular de Xinzo pídelle ao Concello unha revisión dos muros das instalacións deportivas.

Os populares destacan especialmente o que perimetra o campo José Antonio Carrera, na Moreira"Temos constancia, polas informacións dalgúns pais dos nenos que utilizan as instalacións, e por diversos deportistas, que fai máis dun ano xa lle advertiron ao concelleiro de Deportes que abanea algún tramo do muro, que ten máis de 40 anos de antigüidade e dous metros de altura", sinalan.

As queixas foron remitidas por algúns usuarios ó Concello, pero non lles consta ningunha intervención nin por parte do concelleiro de Deportes, Rafael Penabad, nin pola alcaldesa, Elvira Lama, segundo din os populares. No vindeiro pleno municipal preguntarán por unha posible revisión que se levase a cabo e, no caso de haberse feito, pedirán o informe técnico.

Se o Concello non houbese actuado de ningún xeito, o Partido Popular solicitará "unha revisión completa e o informe técnico da mesma. Así como a súa ampliación a todas as instalacións escolares, deportivas, de lecer e mesmo dalgúns edificios que ameacen ruína".

Os populares apuntan que, de confirmarse a mobilidade do muro do José Antonio Carrera, isto suporía "un potencial perigo, que mesmo podería ocasionar danos imprevisibles", como aconteceu no instituto ourensán.

NOTICIAS XINZO | O PP urxe unha revisión dos muros nas instalacións deportivas municipais