martes. 08.10.2024

O Certame Galego de Bandas de Música celebrouse esta fin de semana en Celanova, acadando a súa 15ª edición e volvendo tras un parón obrigado pola pandemia. O evento congregou a oito formacións e a preto de 400 músicos, con presenza limiá coa participación da Agrupación Musical da Limia, que se presentou na Sección Terceira; e coa Chikiband, que o fixo na Sección Infantil.

Os cativos da Chikiband conseguiron o mellor resultado, ao gañar na súa categoría e quedar por diante da Banda de Música Infantil de Rubiós. Os rapaces recibiron 526 puntos por parte do xurado trala súa interpretación dunha peza obrigatoria, "A lenda de Breogán"; e o pasodobre "A pastoriza" baixo a dirección de José Luis Tielas.

A Agrupación Musical da Limia, á que tamén partence a Chikiband, obtivo un bo resultado na Sección Terceira para as formacións adultas. A gañadora foi a Banda de Música de Santádega, en segundo posto quedou a Banda de música municipal de Caldas de Reis e o podio completouno a Agrupación Musical da Limia, cun terceiro lugar.

Cada un dos premiados recibiu unha dotación económica, que superou os 6.000 euros no seu conxunto. O certame organizouno a Federación Galega de Bandas de Música Populares.

NOTICIAS XINZO | A Chikiband gaña o Certame Galego de Bandas de Música na sección infantil