viernes. 26.04.2024

Por segundo ano, a Gala do Deporte chega a Xinzo para premiar a deportistas, entidades ou clubs destacados ao longo deste ano, aos que se lles recoñecerá públicamente polo seu esforzo, dedicación e entrega. A cerimonia terá lugar mañá, ás 19:30 horas, no Pavillón dos Deportes.

O obxectivo deste evento é transmitir os valores do deporte aos máis pequenos e á poboación en xeral, para fomentar a súa práctica deportiva. A cerimonia será presentada por Patricia Santana e Pablo Ríos e contará coa actuación do Mago Deimi, quen ofrecerá un espectáculo de maxia.

Os deportistas candidatos a un premio son aqueles que participasen nalgún campionato oficial de ámbito provincial, nacional ou internacional, obtendo algún resultado meritorio a xuízo da comisión organizadora da gala. Tamén poderán recibir un recoñecemento aqueles que nacesen no concello ou estén empadroados con residencia en Xinzo, con licencia federativa en vigor con algún club inscrito no rexistro de actividades deportivas.

Os equipos locais participantes en campionatos provinciais, autonómicos, nacionais ou internacionais, tamén optan a unha distinción ao igual que aqueles que estén inscritos no rexistro de entidades deportivas do concello. Por último, os deportistas locais que formen parte de equipos non vinculados ao municipio e que resultasen campións a nivel nacional ou superior, teñen a posibilidade de saír galardoados.

NOTICIAS XINZO | A Gala do Deporte recoñece aos deportistas e equipos destacados do 2022