Xoves. 28.03.2024

A Consellería de Medio Rural, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) e EFA Fonteboa, organizará a vindeira semana un seminario sobre melloras nas técnicas de produción da pataca. O técnico bretón Philippe Dolo, de Bretagne Plants, impartirá estas xornadas xunto con outros da consellería

O seminario terá lugar os días 18 e 19 de xaneiro na Casa da Cultura de Xinzo, onde haberá charlas polas mañás e polas tardes contarán con visitas. Dolo dará a coñecer aos asistentes algunhas técnicas sobre a rotación dos cultivos e dos labores de preparación do solo para a produción de pataca. Por outra banda, os técnicos de Medio Rural abordarán outros temas como a fertilización ou o emprego de fitosanitarios.

Estas xornadas servirán tamén como un intercambio de experiencias entre os agricultores limiaos e os bretóns, xa que haberá dúas mesas redondas onde se falará de como é a produción da pataca na Limia e na Bretaña Francesa. Ademais, o seminario complétase cunha visita a parcelas de pataca e outra de estudo para coñecer a forma de almacenamento e conservación da mesma.

Para participar é preciso unha inscrición que se pode facer en liña aquí. Tamén están dispoñibles os números de teléfono 981 654 637, da Fundación Juana de Vega; e o 616 764 805, de Adegal.

Cartel do seminario sobre as técnicas do cultivo da pataca que terá lugar en Xinzo.
Cartel do seminario sobre as técnicas do cultivo da pataca que terá lugar en Xinzo.

NOTICIAS XINZO | Un seminario une as técnicas do cultivo da pataca limiá coas bretonas