viernes. 04.10.2024

A Comisión do Entroido de Xinzo e o Concello publicaron as bases do concurso de disfraces e carrozas do desfile, que terá lugar o martes 21 de febreiro. O prazo de inscrición está aberto e os participantes pódense anotar ata o día 17 deste mes ás 20:00 horas. O formulario que se deberá presentar está dispoñible aquí e, unha vez cuberto, existe a posibilidade de envialo ao correo electrónico [email protected], ou entregalo presencialmente na Biblioteca Municipal de Xinzo en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

No concurso para disfraces haberá tres categorías ás que poder presentarse de xeito individual, en dúo ou trío e, por último, en comparsa cun mínimo de oito participantes disfrazados da mesma temática. En canto ás carrozas, será en categoría única para grupos de persoas disfrazados dun memso tema que conten cunha plataforma móbil.

Os premios, que en total suman 4.000 euros, dividiranse en 200 euros para o mellor disfraz individual, 400 para o de dúo ou trío e 1.000 para a mellor comparsa. No caso das carrozas, o primeiro premio será de 1.200 euros, o segundo de 800 e o terceiro de 400. Os gañadores daranse a coñecer na noite do do día do desfile a través das redes sociais da Comisión do Entroido e do Concello, pero tamén no palco da orquesta que actuará ao carón do Parque do Toural.

 

Por outro lado, as persoas que queiran formar parte do concurso como xurado, poden presentarse enviando os datos persoas ao correo electrónico [email protected]. Un mínimo de tres persoas comppoñerán o xurado e, en caso de non conseguilo, será a Comisión do Entroido a que leve adiante o fallo. Valorarase a estética, orixinalidade e creatividade dos disfraces, a posta en escena e a elaboración propia/artesanal; ademais, no caso das carrozas, tamén se terá en conta a estética, orixinalidade e creatividade das mesmas.

Os participantes no concurso deberán estar ás 12:00 horas no cruce da rúa Rosalía de Castro coa Padre Feijóo, segundo a orde de saída que lles proporcionará a organización nese momento. Recibirán unha insignia cun número que se correponderá coa orde do desfile para levar a cabo as votacións polo xurado. O percorrido do desfile trasncorrerá pola avenida de Madrid e pola avenida de Ourense ata o Parque do Pombal.

As bases do concurso pódense consultar aquí.

NOTICIAS XINZO | Aberta a inscrición para participar nos concursos do desfile de Entroido