martes. 10.12.2024

Durante os meses de agosto e setembro o programa Hypatia ofrecerá un servizo integral de atención ás mulleres dos concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás. É a segunda edición dun programa que ten como obxectivo a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Mediante actuacións concretas orientadas a impulsar unha atención profesional de maior calidade, Hypatia pivota na formación, información, prevención, orientación e asesoramento para todas as mulleres participantes. Logo do éxito acadado na anterior edición, agárdase unha alta participación neste ano.

O servizo de asesoramento integral atenderá os ámbitos xurídico, laboral e psicolóxico de xeito gratuíto e presencial; unha atención personalizada que facilitará a creación de itinerarios de inserción laboral e definición do proxecto profesional axustados a cada unha das mulleres beneficiadas.

Outro dos eixos do programa Hypatia será a atención á saúde, coa posta en marcha dun punto de información sobre hábitos saudables para as mulleres. Neste sentido, o espazo Hypatia desenvolverá formacións sobre o coidado do corpo e a mente, a nutrición, a promoción da igualdade e a mellora da autoestima e benestar.

Os encontros e debates, así como os obradoiros, desenvolveranse ó longo distes meses promovendo a formación integral das participantes e abordando diferentes temáticas que as axuden á incrementar a súa capacitación no eido profesional, promovendo a inserción laboral das mulleres.

NOTICIAS A LIMIA | Comeza a segunda edición de Hypatia, o programa de actuación...