domingo. 28.04.2024

A IV edición de Alimagro volverá a ser o escaparate do sector agrario en Xinzo de Limia, do 1 ao 3 de setembro, amosando as novidades sobre o cultivo da pataca e da maquinaria agrícola. A presentación deste evento tivo lugar este martes na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde e deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz; e o director do medio de comunicación Campo, Máximo Gómez.

Esta feira, organizada polo Concello de Xinzo de Limia coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia, o Inorde, AGACAL e Coren, reforzará "o papel de Xinzo e da comarca, como unha das principais zonas de referencia do sector primario na provincia de Ourense e en Galicia, tanto polo tecido produtivo como polo seu impacto económico", destacou o presidente do Inorde.

O traballo conxunto entre institucións públicas e privadas "fan posible desenvolver proxectos como Alimagro que este ano chega a súa cuarta edición sendo un espazo fundamental para promocionar a calidade dun dos principais produtos cabeceira da nosa gastronomía", salientou Rosendo Fernández. O obxectivo desta feira, ademais de servir de escaparate para todo o sector da pataca de España e Portugal, é reforzar o vínculo entre produtores de semente, cultivadores e operadores de toda a Península.

Dous espazos: pavillón e parque do Toural

A feira, que ten vocación de converterse nun referente nacional, divídese en dous espazos: no pavillón de deportes estará a sede da feira da pataca, e no parque do Toural en Xinzo estarán expostas as novidades da maquinaria. Unha das novidades deste ano será a celebración dunha xornada técnica da pataca dirixida a profesionais, que terá lugar o venres 1 de setembro. A iniciativa, organizada por Campo e o Concello de Xinzo, analizará o sector da pataca desde un punto de vista agronómico, afondando en cuestións como a importancia da dixitalización e a aposta pola tecnoloxía na rendibilidade das explotacións, ademais de destacar a importancia do cultivo da pataca para a economía e a sociedade.

Irmandade con localidades lusas produtoras de pataca

Ademais, co obxectivo de reforzar os vínculos comerciais e humanos, a feira contará cun acto de irmandade de localidades hispanolusas nas que a pataca ten unha relevancia especial que amosará a necesidade da unión do sector agrario para facer fronte aos desafíos comúns do mesmo. Dito acto terá lugar o vindeiro xoves, 31 de agosto, a partir das 21.00 horas, na Casa do Concello de Xinzo.

NOTICIAS XINZO | Alimagro potenciará alianzas coas comarcas lusas produtoras de pataca