domingo. 28.04.2024

O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), a un día do inicio da feira Alimagro, recorda o anuncio feito polo conselleiro de Medio Rural, José González, na edición do pasado, na que se compremeteu a presentar o Plan Estratéxico da Limia (PEL) durante aquel mes de setembro. "Pasou un ano e do PEL nada soubemos nada, o conselleiro virá a Xinzo para inaugurar Alimagro e fará máis promesas", lamentan.

Dende o MEL sinalan que os habitantes da Limia "teñen que mercar auga embotellada porque maioría dos pozos da chaira están contaminados por nitratos e bacterias procedentes das explotacións agrogandeiras que non xestionan adecuadamente os residuos que producen". Remítense ás analíticas oficiais, pero tamén a que a canle da Lagoa e o río Limia están a funcionar como "auténticas depuradoras biolóxicas" para reducir o "grave problema de contaminación que padece o encoro das Conchas".

O colectivo asegura que o Limia é o "río do Esquecemento, nunca mellor dito". Sinalan tanto ao conselleiro como ao presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga; aos alcaldes e aos habitantes da comarca "que calan e aceptan como algo inevitable a lamentable imaxe do noso río moribundo". "O maior tesouro que temos na Limia de cara un futuro climático incerto e o grandioso acuífero que temos baixo os nosos pés. O intelixente sería impedir que se degradade máis", recalcan.

Sobre o PEL, din que non se sabe nada sobre as medidas que debería estar tomando a Xunta para declarar á Limia como "zona de augas vulnerables pola contaminación". Ademais, recordan que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico engadiu á comcarca no mapa de augas vulnerables a principios do 2022, dándolle un prazo de tres anos á Xunta para que elaborase a declración e tomase medidas para limitar a contaminación.

O Movemento Ecoloxista da Limia advirte, ás portas dunha nova edición de Alimagro, que "nada se fixo neste ano a respecto da contaminación das augas da Limia e do río, que os problemas que producen esa contaminación seguen sen se resolver e que nada sabemos nin do plan estratéxico nin da declaración de zona vulnerable". Por iso, queren saber onde está o PEL, en que consiste e cando se porá en marcha, que fixo a Xunta ao respecto da declaración de zona vulnerable e sobre onde está a planta de tratamento que se acordou na Mesa da Limia.

"Os veciños e veciñas da Limia, os agricultores e os gandeiros, os representantes políticos que de verdade se implicaron na Mesa da Limia e as alcaldesas e alcaldes desta comarca, por obriga dos seus cargos, deberían trasladarlle ao señor conselleiro estas mesmas preguntas e a inquedanza que provoca a falta de respostas", destacan dende o MEL.

NOTICIAS A LIMIA | Ecoloxistas reclaman o Plan Estratéxico da Limia que prometeu a Xunta