martes. 19.05.2026

Non deixa de ser unha chiscada do destino que o pulpeiro de maior sona da contorna limiá e de boa parte da provincia decidise marchar un día de feira en Verín. Facelo un 14 ou un 27 tería marcado para sempre o calendario da vila que o viu nacer; quizais por iso José Carrera Santana, "Pucho", escolleu este xoves 11 de decembro para despedirse, falecendo na cidade de Vigo apenas uns días despois de cumprir os 80 anos o pasado sábado.

Nin a ficción de Eduardo Manostijeras tería a destreza real que Pucho amosaba diante do pote. As súas mans, as mesmas que presidían o corte do cefalópodo con precisión cirúrxica, deron de comer a milleiros de persoas entre cuncas de viño e anacos de pan, converténdose no símbolo vivente dun oficio que na súa familia transcende cinco xeracións. Pero se a súa habilidade coas tesouras era lendaria, máis o era o seu carácter: ninguén lembra velo sen sorrir, nin sequera cando a cola diante do seu posto sumaba trescentos comensais agardando. A súa calma e o seu trato no "ti a ti" eran o ingrediente secreto que ningún outro puido copiar.

Máis alá da gastronomía, Pucho foi un arquitecto da alegría. Non está claro se gozaba máis cociñando ou vivindo o Entroido de Xinzo, unha faceta na que tamén triunfaba como deseñador e participante activo, sendo un clásico imprescindible nesas datas. Era memoria colectiva e testemuño vivo da historia da Limia, percorrendo dende neno as feiras da comarca e converténdose nun embaixador polo que moitos viaxaban quilómetros só para probar o seu produto.

A súa marcha deixa un baleiro imposible de encher para as súas fillas, que o acompañaron durante décadas nesta aventura, así como para amigos e clientes. Este sábado non sabemos se haberá pulpo na feira antelá, pero se o hai, a vila ten a certeza de que non saberá igual. Nunca volverá saber igual.

 

José Carrera Santana, "Pucho", faleceu este xoves 11 de decembro de 2025 en Vigo, onde permanecía hospitalizado por unha patoloxía cardiaca.  

Os seus restos mortais serán velados, dende as 10:00 horas deste venres, no velatorio do "Polígono", ata as 17:30 horas, momento no que partirán cara a Igrexa de Santa Mariña para as oportunas honras fúnebres

Esta redación envía o seu máis sentido pésame a todos os seus familiares e amigos, de xeito moi agarimoso e especial á súa viúva Manola, e ás súas fillas Alejandra e María Dolores.

D.E.P.

OBITUARIO | José Carrera "Pucho", o pulpeiro de gran corazón que fixo eterna a tradición