Embaixadores da nosa tradición

As Pantallas de Xinzo levan a maxia do Entroido e do Domingo Oleiro ao céspede de Balaídos

A Asociación Cultural A Pantalla exercendo de embaixadora do Entroido ante a afección do RC Celta en Vigo.

RC Celta transformouse este domingo nun escaparate privilexiado para a promoción do Entroido de Xinzo de Limia, convidando á máscara local a participar na xornada ligueira en Vigo. O son característico das vexigas resoou por todo o Estadio de Balaídos xusto antes do comezo do encontro, nunha exhibición que serviu para trasladar a esencia do noso ciclo festivo a un escenario masivo ante decenas de miles de espectadores.

Un grupo de embaixadores da Asociación Cultural A Pantalla ocupou o terreo de xogo para recrear os movementos tradicionais e poñer o foco, de xeito especial tamén na importancia do Domingo Oleiro. Mentres tanto, no palco de autoridades, o alcalde Amador Díaz e o concelleiro Carlos Gómez oficializaron o vínculo entre a vila e o club vigués. Como símbolo de irmandade e agradecemento pola acollida, os representantes municipais fixeron entrega ao Celta dunha figura que reproduce a Pantalla.

Amador Díaz e Carlos Gómez entregando un obsequio a Marián Mouriño, presidenta do RC Celta.