Freo xudicial ao tratado

O Parlamento Europeo paraliza o acordo co Mercosur e déixao en mans da Xustiza comunitaria

A eurodeputada Ana Miranda intervindo na Eurocámara.

Parlamento Europeo tomou este mércores a decisión de paralizar a ratificación do acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, enviando o texto ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que determine se é compatible cos tratados europeos. A resolución, aprobada por unha estreita marxe de 334 votos a favor fronte a 324 en contra, deixa en suspenso a aplicación do acordo marco mentres non exista un ditame xudicial firme. Esta manobra cuestiona as formas nas que a Comisión e o Consello xestionaron o pacto, que o sector cualifica como un movemento realizado por detrás das institucións democráticas.

A eurodeputada do BNGAna Miranda, celebrou o que cualificou como unha "batalla política moi grande" gañada na Eurocámara. Miranda denunciou que este acordo foi deseñado de costas ao pobo e que tería consecuencias letais para o sector agrogandeiro galego. Segundo a representante nacionalista, os 40 anos de presenza de Galicia na Unión Europea significaron unha redución drástica da nosa frota e do agro, froito dunha estratexia de recortes e mala xestión de fondos europeos por parte de quen goberna tanto en Bruxelas como en Galicia.

Para o BNG, esta vitoria parlamentaria supón dar voz aos gandeiros e gandeiras galegos fronte a un programa que, ao seu xuízo, busca a destrución dos sectores produtivos do país. Ana Miranda advertiu de que a loita continuará tanto nas institucións como nas rúas para evitar que o acordo comercial poida aplicarse de xeito parcial, o que seguiría sendo prexudicial para Galicia. A formación nacionalista critica que o Estado español negociase de forma deficiente o ingreso na UE hai catro décadas, o que derivou na actual perda de postos de emprego e barcos.