lunes. 11.05.2026

A variedade Agria, cultivada en Xinzo de Limia (Ourense), proclamouse vencedora da primeira edición da Cata–Concurso de Pobos Produtores de Pataca, celebrada no marco da feira Alimagro. O certame, organizado pola Asociación de Pobos Produtores de Pataca, ten como obxectivo recoñecer e premiar a calidade deste tubérculo esencial na gastronomía.

Primeira cata de patacas en Alimagro.
Primeira cata de patacas en Alimagro.

 

O xurado, integrado por profesionais do sector e acompañado dun xurado popular, avaliou seis variedades procedentes de diferentes puntos do Estado. A pataca Agria acadou 144,8 puntos, impoñéndose polas súas cualidades de textura, sabor e aspecto visual. Superou así ás súas competidoras: Spunta (Sanlúcar de Barrameda, Cádiz), Soprano (Cartaxena, Murcia), Donata (Medina del Campo, Valladolid), Kennebec (Coristanco, A Coruña) e Cimega (La Rinconada, Sevilla).

 

O triunfo da Agria pon en valor o traballo das e dos agricultores de Xinzo de Limia, unha das zonas con maior tradición pataqueira de España. O galardón subliña a excelencia da produción local e o esforzo do sector por preservar este patrimonio agrícola e culinario.

 

O podio completouse coa variedade Spunta, que acadou 138 puntos, e Soprano, con 121,5 puntos.

 

A primeira edición deste certame serviu tamén para amosar a riqueza e diversidade da pataca española, dando visibilidade á importancia das diferentes variedades na cociña. A organización lamentou a ausencia das patacas das Illas Canarias, que non puideron participar debido á prohibición de movemento de tubérculos desde o arquipélago por motivos de sanidade vexetal, confiando en poder contar con elas en futuras edicións.

A pataca Agria imponse na casa na primeira cata popular de Alimagro