Pazolandia pechou as súas portas cun balance moi positivo tras a súa edición do Nadal, na que preto de 26.000 persoas se achegaron ao Pazo dos Deportes Paco Paz para desfrutar do parque de atraccións familiares máis recoñecido destas datas en Galicia. En total, foron 25.578 os usuarios que accederon ás instalacións, confirmando a boa acollida do evento tanto entre familias galegas como procedentes doutras comunidades autónomas.
O Servizo de Deportes da Deputación de Ourense constatou unha crecente presenza de familias chegadas de fóra de Galicia, que elixiron Ourense como destino para pasar as vacacións do Nadal ou regresar ás súas raíces. Nesta edición, Pazolandia rexistrou visitantes procedentes de cidades como Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Toledo, Bilbao, Barcelona, Ceuta ou Oviedo.
Os concellos da provincia volveron amosar a súa fidelidade a esta cita, xa que 2.826 persoas asistiron a través de excursións organizadas polos seus municipios, cun total de 62 concellos participantes. Ademais, máis do 90% dos concellos ourensáns tiveron representación nesta edición, con asistentes procedentes de 85 municipios da provincia.
Neste contexto, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou "a importancia de impulsar iniciativas que cheguen a todo o territorio, garantindo que ningún neno quede atrás, viva onde viva, e facilitando ao mesmo tempo a conciliación familiar durante as datas do Nadal".
O balance inclúe tamén a participación de 2.877 persoas procedentes de centros invitados, como Amigos da Barrela, Fundación Morea, os centros de menores da Carballeira, Montealegre, Monteledo e Montefiz, Fundación Meniños, Cáritas, Valores, Cruz Vermella, Amencer ou As Burgas.
As enquisas realizadas durante o desenvolvemento de Pazolandia reflicten un alto grao de satisfacción das familias usuarias, destacando un modelo de parque que abrangue actividades para nenos e nenas desde os 12 meses, con instalacións adaptadas a cada idade. No referido aos métodos de acceso, a venda en liña volveu ter un peso destacado, con 14.249 entradas adquiridas por esta vía, practicamente tres de cada catro vendidas.
Luis Menor reafirmou o compromiso da Deputación con Pazolandia, ao considerala "unha das principais apostas da institución provincial polo lecer familiar, a inclusión e a conciliación durante o Nadal". Nesta edición, o parque celebrou o seu 30 aniversario, consolidándose como un espazo de lecer seguro, divertido e accesible, pensado para o encontro, a convivencia e o desfrute en familia.
Un dos aspectos máis salientables desta edición foi o compromiso coa inclusión, con actividades adaptadas para rapaces e rapazas con diferentes capacidades, garantindo a participación en igualdade de condicións. Pazolandia é, ademais, o resultado dun traballo colectivo no que participan o persoal técnico, os monitores e todo o equipo organizador.
