Dous dos principais partidos con representación municipal en Xinzo de Limia fixeron públicos comunicados oficiais nos que rexeitan con firmeza os ataques homófobos sufridos polo concelleiro Ricardo Sieiro tras a difusión dun vídeo con contido ofensivo.
Desde o Partido Popular de Xinzo cualifican os feitos de "absolutamente intolerables" e advirten de que este tipo de comportamentos vulneran directamente a dignidade das persoas e os principios básicos de igualdade e respecto que deben rexer a convivencia democrática. A formación popular expresa o seu apoio "persoal, político e institucional” ao concelleiro e esixe a rectificación inmediata dos responsables, así como a retirada de calquera contido ofensivo e o cesamento de actuacións que fomenten a confrontación e a desinformación.
Na mesma liña pronúnciase o grupo municipal do BNG de Xinzo, que manifesta unha condena “firme e inequívoca” a calquera forma de insulto, discriminación ou ataque persoal baseado na orientación sexual. Os nacionalistas subliñan que, malia manteren críticas políticas á xestión da Concellería de Festexos, consideran “absolutamente inadmisibles” as descalificacións persoais e trasladan publicamente o seu apoio ao edil afectado.
Ambas formacións coinciden en defender o respecto, a dignidade e os dereitos das persoas como principios irrenunciables e en rexeitar que este tipo de comportamentos teñan cabida no ámbito público. Os comunicados, datados o 6 de febreiro de 2026, reflicten unha coincidencia pouco habitual no panorama político local fronte a actitudes homófobas e unha defensa común da igualdade, da liberdade e dos valores democráticos.

