Valorización do patrimonio inmaterial

O PP destaca o labor de Justo Gude na investigación e difusión do entroido galego

Cristina Campero e José Luís Ferro coñeceron os detalles do traballo de documentación histórica de Justo Gude Méndez.

Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e José Luís Ferro enxalzaron o traballo do historiador, investigador e estudoso Justo Gude Méndez na difusión e posta en valor do Entroido galego. Esta manifestación cultural, unha das máis singulares e identitarias de Galicia, está recoñecida como Ben de Interese Cultural polo seu incalculable valor como patrimonio inmaterial.

Durante o encontro, os parlamentarios populares tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o intenso traballo de investigación e documentación feito por Gude, así como o labor de todas as persoas que colaboran con el no estudio de elementos tan significativos como as Pantallas. Sobre este legado, Cristina Campero subliñou que o Entroido "non son só traxes nin rituais, son emocións herdadas, orgullo compartido e sentimento de pertenza".

Os deputados intercambiaron impresións sobre os retos actuais desta festividade, analizando a súa evolución no tempo e a necesidade de promover iniciativas que garantan a súa preservación tanto no ámbito cultural como no turístico. José Luís Ferro sinalou que, desde as institucións, existe a obriga de protexer e difundir este patrimonio. Para o deputado, o Entroido é unha "expresión viva da nosa identidade colectiva" e o traballo de figuras como Justo Gude resulta imprescindible para que a tradición se conserve con rigor e proxección de futuro.

Finalmente, Campero concluíu destacando que o Entroido une xeracións, territorios e memoria, polo que afondar no seu significado profundo axuda a toda a sociedade a valoralo e respectalo como unha parte esencial da cultura galega. O Grupo Popular reafirma así o seu compromiso co labor de historiadores e investigadores que dedican o seu esforzo a documentar a nosa expresión viva máis sobranceira.