Álvaro Vila defende que o transporte gratuíto garante o acceso das persoas damnificadas ao encontro “Xuntos contra o lume”

O PSdeG pide que a Deputación pague os autobuses dende as zonas afectadas polo lume ao partido solidario do Celta en Balaídos

Os bombeiros loitan contra as lapas nun dos incendios no Concellod e Cualedro. | FOTO: Noelia Caseiro.

O deputado e voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila, presentou unha proposta para que a Deputación de Ourense asuma o custe do transporte en autobús desde os concellos e parroquias máis afectadas polos incendios do pasado agosto ata Vigo, co obxectivo de facilitar a asistencia ao partido benéfico "Xuntos contra o lume"previsto para o 8 de outubro no estadio Abanca Balaídos.

 

Segundo explicou Vila, a medida "persegue democratizar o acceso a unha convocatoria solidaria que destinará a totalidade do recadado á reforestación e recuperación dos montes ourensáns tralos devastadores lumes do verán".

 

O voceiro socialista lembrou que os incendios de agosto tiveron un impacto "sen precedentes", afectando gravemente ao rural, ao sector primario e ao medio ambiente, e subliñou que "deixaron un regueiro de destrución que abrangue miles de hectáreas de monte, cultivos e pasteiros, comprometendo a sustentabilidade económica de moitas familias e a conservación do patrimonio natural".

 

A proposta contempla un sistema de reserva gratuíto das prazas, dando prioridade ás persoas residentes nas zonas máis castigadas e aos colectivos con maiores dificultades de mobilidade. Vila insistiu en que a Deputación "ten a responsabilidade de apoiar todas aquelas iniciativas que contribúan á recuperación integral do territorio provincial" e defendeu que esta medida non só favorece a participación, senón que tamén reforza a capacidade recadatoria do evento.

 

O PSdeG-PSOE enmarca esta iniciativa no traballo continuado que o grupo provincial desenvolve en apoio aos concellos afectados polos incendios, lembrando que desde o primeiro momento impulsaron medidas de recuperación e de apoio ás familias e ao territorio.

 

Finalmente, os socialistas piden que se difunda a iniciativa a través dos concellos e medios da provincia para garantir a máxima participación, así como que se dea traslado do acordo ao RC Celta de Vigo, á Real Federación Galega de Fútbol e aos municipios afectados, de cara a coordinar a acción de forma eficaz.