lunes. 29.04.2024

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro 19 de abril na que insta ao concello a solicitar a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o inicio da segunda fase das obras no mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras. Os e as socialistas consideran que “é primordial” continuar co proxecto de análise e actuacións de consolidación das infraestruturas hidráulicas asociadas a este ben patrimonial, mediante un convenio asinado entre a CHMS e o concello de Xinzo con tal fin.

Dende o grupo municipal socialista tamén piden que se elabore unha axenda de visitas e un horario de apertura, “a fin de que poida ser visitado e preservado de posibles actos vandálicos”. Asemade tamén instan ao concello a dar traslado deste acordo a Confederación Hidrográfica para “darlle maior axilidade no procedemento”. Lembran que estas obras “non poderían facerse coa financiación exclusiva do concello, motivo polo cal o anterior grupo de goberno, encabezado por os e as socialistas decidiu solicitar a axuda e colaboración da CHMS”.

Tralo fin da primeira fase de obras, o mosteiro de Trandeiras pode visitarse sen problemas de acceso ou perigo de derrube dalgunha das partes máis deterioradas. Unha fase, que en palabras dos e das socialistas “serviu para pór en valor un ben patrimonial, arquitectónico e cultural que é un emblema de Xinzo”. Esta primeira fase prevía un orzamento de 350.000 euros, que finalmente acabou en investimentos por valor de 715.000 euros, nunhas obras adxudicadas en 2022 e executadas en 2023. Tal e como apunta a voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama Fernández, “durante a intervención foron descubertas canalizacións de auga ben diferenciadas, unhas para uso da actividade económica e outras para o consumo dos habitantes do mosteiro, o que deixa entrever a súa importancia no municipio e a comarca”.

Mosteiro de Trandeiras
Mosteiro de Trandeiras

 

Lama Fernández explica que a segunda fase “contempla a creación dunha aula de interpretación e expositiva, contemplada na zona da sancristía ou en outra zona como o refectorio/bodega e que serviría como paso previo a entrada á infraestrutura hidráulica e o mosteiro”. Neste senso apunta que “unha vez concluída a primeira fase, parece ser que a sancristía cumpriría mellor a función para converterse nese espazo didáctico, polo mellor estado de conservación e as dimensións que presenta”.

Dende o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia argumentan que “tódalas obras executadas, as redes de canalizacións de auga, as estancias e a historia do mosteiro ao longo dos séculos non debe quedar no esquecemento”. Elvira Lama subliña que “coa axuda dos arquitectos, aqueólogos e técnicos que participaron en tan importante reconstrución, débese continuar coa segunda fase, para a cal será de novo imprescindible a aportación e colaboración da CHMS”.

En 2019, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga visitaba o mosteiro, onde puido comprobar a “relevante” importancia das canalizacións de auga no exterior e interior do edificio, sendo as únicas edificacións deste tipo no noroeste peninsular. Ante esta circunstancia iniciouse a primeira parte do proxecto e agora os e as socialistas instan ao concello a buscar o financiamento para impulsar a segunda fase.

O PSDEG-PSOE de Xinzo reclama o inicio da 2º fase das obras en Trandeiras