'Recantos: O Casting' busca novos talentos musicais en oito teatros galegos | NOTICIAS XINZO
O programa 'Recantos: O Casting' da Televisión de Galicia prepara unha nova edición coa intención de atopar novos talentos musicais para o concurso 'Recantos', integrado no espazo televisivo Luar. A principal novidade desta convocatoria é que, por primeira vez na historia da canle autonómica, os castings serán televisados.
Segundo explicou a organización, o equipo percorrerá oito teatros de toda Galicia para realizar as probas presenciais. Durante este proceso, un xurado profesional será o encargado de seleccionar quen serán os próximos recanteiros que participarán no programa musical.
A convocatoria está aberta a persoas ás que lles guste cantar, sexan maiores de idade e queiran representar a súa zona dentro do formato televisivo. Ademais de participantes de Galicia, tamén poderán presentarse aspirantes procedentes de O Bierzo e da fronteira de Portugal.
As gravacións de 'Recantos: O Casting' comezarán durante a primeira semana do mes de xuño, mentres que a organización prevé celebrar unha gala final no mes de agosto.
Desde a redacción do programa animan ás persoas interesadas a participar nesta nova edición, que busca seguir impulsando o talento musical popular despois de máis de dúas décadas de traxectoria do concurso 'Recantos' dentro de 'Luar'.