viernes. 03.05.2024

A tendencia á baixa no número de casos activos de covid-19 mantense na maioría dos concellos limiaos. Xinzo ve reducirse a cifra outro 6% nun día e camiña cara unha situación semellante á de antes do 6 de xaneiro. En calquera caso, o risco de contaxio coa variante Ómicron segue presente e os responsábeis sanitarios seguen mantendo a cautela. A sexta onda parece remitir, mais o descenso das cifras é lento.

No resto de concellos os descensos volveron ser xeneralizados este martes. Os Blancos, Rairiz, Trasmiras e Vilar de Barrio, ao igual que Xinzo, rexistran menos casos que onte. En Baltar, Porqueira e Sandiás non houbo variación. A comarca baixou dos 400 casos activos até un total hoxe de 388.

O aumento máis importante produciuse en Calvos, onde apareceron positivos que incrementan os casos activos até 14 (o máximo neste concello), cunha suba nun só día do 55%. Tamén aumentaron os casos en Sarreaus e Vilar de Santos.

Respecto ao cribado de onte, o SERGAS informou de que en Xinzo se detectaron 4 positivos en 39 test realizados.

Así están os rexistros
BALTAR  (variación =)  13 (activos)
OS BLANCOS  (-1)  12
CALVOS DE RANDÍN (+5)  14
PORQUEIRA  (=)  21
RAIRIZ DE VEIGA (-4)  12
SANDIÁS (=)  33
SARREAUS (+1)  19
TRASMIRAS  (-5) 10
VILAR DE BARRIO (-1)  16
VILAR DE SANTOS  (+2)  21
XINZO DE LIMIA  (-14)  217

CORONAVIRUS A LIMIA | A comarca baixa dos 400 contaxios e Xinzo ve reducida a...