Os socialistas de Xinzo de Limia reclaman a posta en marcha da planta de residuos de Morgade
O PSdeG-PSOE de Xinzo vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal na que solicita á Deputación de Ourense a inmediata posta en funcionamento da planta de valorización de residuos da construción situada en Morgade. As e os socialistas denuncian que esta instalación, construída hai 15 anos cun investimento de máis de 850.000 euros, "segue sen funcionar e está practicamente desmantelada".
A voceira socialista, Elvira Lama, subliña que en Xinzo "seguimos vendo entullos por todas partes, e iso non pode continuar así", polo que considera urxente "actuar por un Xinzo máis limpo e sostible". Lama lembra que, durante o seu paso pola Deputación, preguntou en numerosas ocasións pola situación da planta, "pero a resposta sempre foi a mesma: que se ía poñer en marcha, algo que nunca aconteceu".
O grupo municipal socialista entende que se podería estar ante "un caso evidente de malversación de fondos públicos", ao non terse posto en servizo unha infraestrutura financiada con fondos europeos FEDER e incluída no Plan Arriano. A planta de Morgade, cuxas obras comezaron en 2010, precisaría agora uns 130.000 euros para a súa actualización e máis de 400.000 euros para restauración paisaxística e selado, segundo un estudo publicado pola Deputación en 2023.
A moción presentada reclama tamén que o ente provincial amplíe o horario do punto limpo de Xinzo e desenvolva campañas de concienciación sobre o tratamento dos residuos de obra e as sancións por depositalos en lugares non autorizados. "Mentres a planta segue pechada, a veciñanza non ten onde levar os cascallos nin os restos das obras", advirte Lama, quen denuncia a proliferación de vertidos por pistas, ríos e montes do municipio.
As e os socialistas conclúen pedindo ao goberno local de AXIL e PP que "se poñan a traballar" e á Deputación que active dunha vez por todas a planta de Morgade para poñer fin a unha situación “insostible e de abandono”.