O prazo de solicitudes arrinca este mércores 7 con atención presencial e telefónica

O Termalismo Social da Deputación de Ourense permitirá gozar dos balnearios durante todo o ano 2026

Apertura do programa Termalismo Social da Deputación de Ourense.

O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense para o ano 2026 abrirá o mércores 7 o prazo de presentación de solicitudes. A partir dese momento, todas as persoas interesadas poderán tramitar a súa praza de maneira telemática a través de internet.

 

Co obxectivo de facilitar o acceso ao programa a aquelas persoas con dificultades no uso das novas tecnoloxías, a Área de Benestar da institución provincial ofrecerá atención persoal nas súas oficinas, situadas no edificio de Correos da rúa Progreso, en horario de 8:30 da mañá en diante.

 

As solicitudes tamén poderán xestionarse a través dos traballadores sociais da maior parte dos concellos da provincia ou mediante chamada telefónica directa aos propios balnearios, que participan no programa como entidades colaboradoras.

 

Unha das principais novidades do Termalismo Social para 2026 é que os balnearios participantes ofertarán quendas desde o mes de xaneiro ata decembro, permitindo así ás persoas beneficiarias acudir aos establecementos termais da provincia en calquera época do ano. A primeira quenda comezará o luns 19 de xaneiro, apenas doce días despois da apertura do prazo de solicitudes.

 

A modalidade con maior número de prazas será a de Estancias Termais de seis días e cinco noites, que inclúe aloxamento, pensión completa, dez técnicas termais e acceso ás piscinas de auga mineromedicinal termal. A primeira estancia desta modalidade desenvolverase no Balneario de Laias.

 

Toda a información detallada do programa está dispoñible na páxina web www.termalismourense.com, onde se poden consultar os balnearios participantes: Arnoia, Eurostars de Allariz, Laias, Lobios, O Carballiño e Partovia. O portal recolle tamén as diferentes modalidades individuais do programa —Estancias Termais, Cultura Termal e Tratamentos Terapéuticos—, xunto cos requisitos e servizos incluídos en cada unha delas.

 

Os prezos xa están publicados e, como novidade este ano, os balnearios poderán establecer un prezo único ou tarifas diferentes segundo se trate de tempada baixa, media ou alta. Na web inclúese un calendario específico para cada establecemento, no que se indica a correspondencia dos meses con cada tipo de tempada.

 

Ante o elevado número de consultas que se rexistran habitualmente nos primeiros días tras a apertura do prazo, a Deputación de Ourense habilitará catro liñas telefónicas especiais de información. As persoas interesadas poderán realizar consultas a través dos números 988 317 869, 988 317 865, 988 317 867 e 988 317 860.