Sábado. 04.02.2023
A verinesa Paula Campos aborda todas as festividades da provincia

Un traballo da USC estuda o impacto educativo e cultural do Entroido na poboación

Pantallas do Entroido de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Pantallas do Entroido de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Entroido na provincia de Ourense será a peza principal do Traballo de Fin de Grao que está a elaborar a verinesa Paula Campos na Universidade de Santiago. A investigación leva por título "Educación e Patrimonio cultural. O Entroido ourensán como eixo de desenvolvemento comunitario" e conta co profesor e doutor ourensán Alexandre Sotelino como director.

Campos, que estuda Pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación na universidade compostelá, quere amosar neste traballo o que supón o Entroido para a poboación onde máis se festexa. "Intentarei destacar o valor, relevancia e riqueza que a nosa cultura posúe, levándoa máis aló da mirada festiva e observándoa dende o punto de vista pedagóxico", explica a autora deste TFG.

No traballo prestará unha especial atención aos Entroidos da comarca de Monterrei, onde ela ten as súas raíces verinesas pola súa nai e lazanas polo seu pai, pero non se esquecerá de todas as festividades que congregan á veciñanza de moitos puntos da provincia. "Toco a maioría dos Entroidos de Ourense, os máis coñecidos a nivel popular e nacional e tamén os máis tradicionais e enxebres. Centrareime máis na miña comarca xa que é a máis accesible e coñecida para min, pero a intención é sacar a relucir todas as festividades ourensás", sinala Campos.

O estudo ten por obxectivo vincular o Entroido ourensán co desenvolvemento identitario e comunitario dos colectivos que o viven. Para logralo, levarase a cabo unha recollida de información, a través de varias entrevistas semiestructuradas e a análise documental sobre esta celebración dende unha perspectiva pedagóxica, para incidir na súa concepción comunitaria, educativa e cultural. "A mellor maneira de reflectir a realidade comunitaria é falando coas persoas", engade a autora. O fin último e coñecer a repercusión que estas tradicións teñen na construción da cidadanía e a súa influencia ao longo do ano e non só durante o ciclo festivo.

Dende que iniciou os seus estudos en Pedagoxía, Campos tiña claro que implicaría dalgún xeito as súas raíces e tradicións culturais na súa formación "porque me sinto representada por elas". Este TFG é o exemplo e a experiencia de Sotelino, que xa elaborou traballos previos nesta liña de investigación en colaboración co Concello de Laza e asociacións de entroidos, deron pulo a esta verinesa. "Cando chegou o momento de escoller temática para o TFG tiña claro cal sería. Quero facer un traballo que me satisfaga e, o máis importante, é que quero contribuír á conservación e difusión do Entroido dende un punto de vista moito máis educativo, destacando a importancia comunitaria que posúe", resalta Campos.

A autora deste traballo considera que os beneficios que xera esta festividade para o sentimento de comunidade son variados. "É unha parte fundamental da identidade dos ourensáns e ourensás, polo menos, eu síntome desta maneira. Esta festividade recolle todos os aspectos que definen ós nosos pobos, así como anos e anos de historia galega. O Entroido promove a unión, o divertimento e incluso a solidariedade, forma parte da personalidade dos cidadáns e cidadás. A ilusión que provoca é inigualable", afirma.

Paula Campos, autora deste traballo.
Paula Campos, autora deste traballo.

Un traballo da USC estuda o impacto educativo e cultural do Entroido na poboación
comentarios