Este sábado 31 de maio, a vila de Xinzo de Limia converterase nun punto de encontro para a historia, a simboloxía e a participación cidadá coa celebración das Vestalias 2025, organizadas pola A.C. Civitas Limicorum, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, dentro das actividades previas ao 25º aniversario da Festa do Esquecemento.
A xornada inclúe a II Concentración Nacional de Vestais, con participación de grupos procedentes de Emerita Augusta (Mérida), Asturica Augusta (Astorga) e da propia Xinzo, nun reencontro simbólico entre tres cidades que comparten pasado romano e compromiso coa recreación histórica. Será un evento aberto á veciñanza, que combina rigor histórico, mensaxe social e un enfoque claro na visibilización do papel das mulleres ao longo da historia.
As Vestalias foron unha das grandes celebracións da antiga Roma, adicadas á deusa Vesta, protectora do fogar e símbolo da continuidade. As vestais, mulleres consagradas ao seu culto, eran respectadas, influentes e custodias do lume sagrado. Esta recreación busca recuperar ese espírito ancestral e proxectalo nun contexto contemporáneo que defende valores de igualdade, respecto e identidade colectiva.
PROGRAMA 2025
II Concentración Nacional de Vestais
Sábado, 31 de maio de 2025 (Praza Maior)
20:30 h – Desfile inicial
Percorrido:
Museo Galego do Entroido → Rúa 2 de Maio → Avda. de Madrid → Avda. de Ourense → Estación de autobuses → Praza de Oriente → Zona dos viños → Praza Maior
21:00 h – Teatro: “Vesta é a Lei”

21:30 h – Espectáculo: “O lume que nos une”
22:15 h – Danza do Lume Sagrado

22:30 h – Lanzamento de farois
23:00 h – Desfile final
