Xinzo acollerá unha sesión de Conecta Ourense Rural centrada na dixitalización empresarial e o novo Regulamento Verifactu
A Confederación Empresarial de Ourense (CEO), coa colaboración de Prolimia e o apoio da Xunta de Galicia a través do IGAPE, organiza o vindeiro luns, 17 de novembro, unha nova sesión do programa Conecta Ourense Rural, que terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia a partir das 13:30 horas.
O encontro diríxese a pemes e persoas autónomas da comarca da Limia interesadas en mellorar a súa competitividade a través da transformación dixital e do aproveitamento das axudas públicas dispoñibles. Nesta ocasión, a xornada centrará o seu contido na dixitalización empresarial e nas novidades do Regulamento Verifactu, que modificará as obrigas de facturación a partir de 2026.
O acto contará coa participación institucional do alcalde de Xinzo, Amador Díaz Penín; do concelleiro de Promoción Económica, Ricardo Sieiro Opazo; da vicepresidenta da CEO, Beatriz Gómez Valcárcel; e da presidenta de Prolimia, Sonia Villamarín Barja.
As técnicas da Oficina Económica de Galicia, Carla García Valcarce e Mónica Pena Hevia, explicarán durante a sesión como acceder ás liñas de apoio e servizos que a Xunta de Galicia pon á disposición das empresas. Ademais, impartirase un obradoiro práctico sobre o Regulamento Verifactu, a cargo de Xesta Formacións, entidade especializada en asesoramento e capacitación para autónomos e pemes.
O evento completarase cun espazo de asesoramento individualizado e un viño-networking, pensado para favorecer o intercambio de experiencias e fortalecer as conexións entre o tecido empresarial da Limia e o equipo técnico de Conecta Ourense Rural.
Conecta Ourense Rural é unha iniciativa impulsada pola Confederación Empresarial de Ourense, co apoio da Xunta de Galicia a través do IGAPE, que ten como obxectivo achegar a dixitalización e os recursos públicos ás empresas do medio rural, promovendo un tecido produtivo máis competitivo, conectado e sostible.