lunes. 11.05.2026

O Concello de Xinzo de Limia, en colaboración coa Asociación de Comerciantes ProLimia, organiza os días 29, 30 e 31 de agosto a VI Feira do Comercio, un evento xa consolidado no calendario local que busca impulsar o tecido económico da vila e achegar á veciñanza e visitantes unha programación chea de propostas para todas as idades.

 

A cita celebrarase no Pavillón de Deportes, que se transformará durante tres días nun gran escaparate do comercio local. Un total de 23 establecementos exhibirán as súas mellores ofertas en moda, deporte, calzado, decoración, agasallos e artigos infantís, entre outros sectores.

 

O alcalde, Amador Díaz, destacou que esta feira "é unha oportunidade para apoiar aos nosos comerciantes e descubrir todo o que Xinzo pode ofrecer sen saír da vila. Queremos poñer en valor o traballo e esforzo do pequeno comercio, que dá vida ás nosas rúas e xera emprego no noso concello".

 

A programación paralela incluirá obradoiros creativos de arcilla, barro e xoias, actividades infantís con inchables e pintacaras, sesións vermú con música e pinchos, así como sorteos exprés con vales de compra. Ademais, entre todas as compras realizadas sortearase unha viaxe para dúas persoas.

 

"Queremos que sexa unha experiencia completa: comprar, probar novos produtos, gozar en familia e divertirse coas actividades. O comercio local é sinónimo de proximidade e confianza, e con esta feira queremos que todo o mundo poida comprobalo", sinalou a presidenta de ProLimia.

 

A inauguración oficial será o venres 29 ás 12:00 horas, coa presenza das autoridades locais e da organización. Durante tres xornadas, Xinzo volverá demostrar que o seu comercio local está máis vivo ca nunca.

 

Feira do Comercio Prolimia 2025
Feira do Comercio Prolimia 2025

Xinzo acollerá a VI Feira do Comercio con tres días de actividades e sorteos para...