A provincia de Ourense volverá ser escenario do ciclismo internacional coa celebración da etapa raíña de O Gran Camiño 2026, que terá a súa saída en Xinzo de Limia e a chegada en Xunqueira de Espadanedo o vindeiro 17 de abril. A presentación oficial celebrouse hoxe no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo.
No acto participaron o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña; a concelleira de Deportes de Xinzo de Limia, Cristina Campero; o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que pechou a presentación subliñando que “o ciclismo de máximo nivel regresa a Ourense despois de experiencias que quedaron gravadas na memoria colectiva, como as metas de Ribadavia ou Rubiá, ou a saída de Xinzo, vivida como unha auténtica festa popular”.
Menor puxo en valor a resposta do público ourensán nas anteriores edicións, mesmo en condicións meteorolóxicas adversas, como mostra de que “Ourense é unha provincia con afección e capacidade para acoller grandes eventos”, amosándose optimista co cambio de datas da carreira ao mes de abril. Destacou tamén a proxección internacional da proba, retransmitida en máis de 150 países, e o seu prestixio deportivo, cun palmarés que inclúe nomes como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee.
O presidente da Deputación reafirmouse na aposta da institución por eventos que suman deporte, promoción turística, economía local e orgullo de territorio, sinalando que cada etapa supón unha oportunidade para dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense. A etapa entre Xinzo e Xunqueira permitirá, tal e como sinalou Menor, recuperar a esencia da histórica Volta Ciclista a Galicia, transcendendo o ámbito deportivo para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio.
