Xinzo de Limia convértese no epicentro da recreación histórica coa Asemblea Anual das Festas Históricas Europeas
Xinzo de Limia volverá situarse esta fin de semana no mapa europeo da recreación histórica coa celebración, este sábado 18 de outubro, da Asemblea Anual das Festas Históricas Europeas. O encontro reunirá na vila a representantes da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, con delegacións chegadas de Alemaña, Francia, Italia, Portugal e España, ademais da participación por videoconferencia doutros países como Ucraína.
Durante a xornada abordaranse proxectos conxuntos, intercambios culturais e novas liñas de colaboración entre as festas históricas máis destacadas do continente, co obxectivo de reforzar a rede europea de recreación histórica e promover a cooperación cultural transnacional.
Esta cita internacional chega despois do éxito da Asemblea Estatal das Festas Históricas, celebrada tamén en Xinzo o pasado mes de maio, que congregou a máis de corenta representacións de toda España e consolidou o prestixio da vila como punto de encontro do movemento recreacionista.
A celebración das dúas principais asembleas —a nacional e a europea— no mesmo ano confirma o papel central de Xinzo de Limia e da A.C. Civitas Limicorum no panorama da recreación histórica. Ademais, reforza a proxección internacional da Festa do Esquecemento, recoñecida xa en todo o territorio español e, a partir desta fin de semana, tamén en toda Europa.