Xinzo, primeira cita do Polo Tour 2026 centrada no comercio local | NOTICIAS OURENSE
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este mércores no evento Polo Tour 2026, organizado desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Verín coa colaboración da Asociación de Empresas e Comercios da Limia (Prolimia), en Xinzo de Limia.
Alén puxo en valor os servizos e recursos dispoñibles no centro de Verín, integrado na Rede de polos autonómica, para ofrecer atención personalizada aos proxectos emprendedores da contorna, así como as posibilidades que proporcionan xornadas como a de hoxe para intercambiar experiencias e establecer contactos en eidos como o comercio, que se posiciona como o maioritario entre as iniciativas asesoradas na oficina verinesa.
O director xeral agradeceu a implicación no evento de Prolimia, celebrando que a entidade veña de estrear o seu propio centro comercial aberto co gallo de impulsar o consumo de proximidade. Este CCA celebrou na clausura do encontro o sorteo da primeira campaña desenvolvida conxuntamente cos tamén centros comerciais abertos de Celanova Chea e Aever Verín. A acción "Xuntos polo comercio local", apoiada pola Xunta no marco das axudas aos CCA da Comunidade, animaba a mercar nos establecementos asociados do 12 ao 26 de xuño para participar neste sorteo de experiencias para desfrutar en Xinzo de Limia, Celanova ou Verín.
Polo de Verín
No acto puxo de relevo que o Polo de emprendemento de Verín ten atendido desde a súa posta en marcha máis de 320 proxectos e promovido a creación de máis dunha vintena de empresas, no marco das arredor de 6.800 iniciativasasesoradas no conxunto dos 15 polos repartidos por toda Galicia e das máis de 1.300 que pasaron polos catro polos ourensáns.
O equipo técnico do centro verinés realizou máis de 1.500 titorías gratuítas e individualizadas para dar resposta ás persoas emprendedoras que acudiron ás instalacións, das cales un 57 % son mulleres, adaptándose ás fases concretas dos seus proxectos.
Por sectores, destaca o comercio (18 %), seguido dos servizos (16 %) e da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (14 %). Canto ás actividades, o Polo de Verín ten organizado máis de 230, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.