Dispositivo especial no Entroido

Xinzo reforza a seguridade do Petardazo con controis de acceso desde as 21:00 horas e veto ao cristal

O alcalde de Xinzo de Limia preside a Xunta de Seguridade para pechar o operativo especial do Entroido 2026.

O Concello de Xinzo de Limia acolleu este mércores a Xunta de Seguridade para coordinar o dispositivo que velará polo bo desenvolvemento do Entroido 2026. Ante a previsión dunha gran afluencia de visitantes, as medidas intensificaranse especialmente durante o Sábado Petardazo, o vindeiro 24 de xaneiro. Nesta xornada, realizarase un control exhaustivo de aforo nos accesos á Praza Carlos Casares desde as 21:00 horas.

Como medida de prevención, restrinxirase a entrada de recipientes de cristal á praza, onde a organización entregará vasos de material alternativo aos asistentes. O operativo contará co apoio do camión de mando avanzado da AXEGA e a instalación dun hospital de campaña para atención inmediata, servizo que tamén estará operativo o Sábado de Entroido. O dispositivo complétase cun reforzo de efectivos da Garda Civil, Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella.

No ámbito social, o Punto Violeta centralizará a súa actividade nun local físico situado na Avenida de Madrid, nº 1. Este servizo de información e auxilio contra o acoso estará dispoñible tanto no Sábado Petardazo como durante todos os días grandes do Entroido. Desde o Goberno local faise un chamamento á responsabilidade individual para garantir a convivencia e o respecto durante as celebracións.