Xinzo de Limia forma parte dos 23 concellos galegos que participarán no programa "Adestra a túa saúde", unha iniciativa da Xunta de Galicia que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da poboación maior mediante a prescrición de actividade física.
A inclusión de Xinzo nesta primeira convocatoria foi confirmada na xuntanza mantida entre os conselleiros de Presidencia, Diego Calvo, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, con representantes municipais. A medida conta con financiamento europeo e busca crear unha rede local que promova o exercicio físico desde os centros de saúde ata os espazos deportivos dos concellos.
No caso de Xinzo, persoas maiores de 60 anos que sexan derivadas polos seus profesionais sanitarios poderán recibir asesoramento e seguimento dun promotor de exercicio físico municipal. Este profesional avaliará a súa condición física e deseñará unha rutina personalizada, adaptada aos seus obxectivos e á súa situación de saúde.
O plan, financiado con máis de 442.000 euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), suma ademais unha achega adicional de 246.000 euros ao integrarse na rede estatal Pafer para zonas rurais. Isto permitirá aos concellos participantes, como Xinzo, contar con arredor de 10.000 euros para recursos técnicos e deseño de programas locais.
A Xunta salienta que esta proposta está orientada á prevención de doenzas e á promoción de hábitos de vida saudables, tendo como prioridade a poboación maior, especialmente aquela con factores de risco como obesidade, diabetes ou hipertensión.
"Adestra a túa saúde" intégrase no marco do plan Galicia Saudable, en marcha desde 2009, e da estratexia autonómica e nacional de promoción da saúde, cun enfoque transversal desde a infancia ata a vellez.
