A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia veñen de selar un acordo estratéxico para transformar os espazos comerciais da provincia. O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinaron un protocolo que senta as bases para modernizar as instalacións tradicionais e convertelas en grandes escaparates do produto local. Neste acto, celebrado no Pazo Provincial, tamén estiveron presentes o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora territorial, Marta Vázquez. O documento establece un marco de financiamento onde a consellería achegará o 70 % dos custos, a institución provincial un 20 % e os respectivos concellos o 10 % restante para acometer as reformas necesarias.
No caso da nosa comarca, este impulso institucional xa ten un reflexo claro nas obras que se están a desenvolver nas instalacións de Xinzo de Limia, que contan cunha achega de 200.000 euros por parte do ente provincial. As intervencións financiadas mediante este convenio teñen como obxectivo adaptar os recintos aos novos hábitos dos consumidores, incorporando equipamento moderno e xerando novos servizos complementarios para revitalizar o comercio e a actividade económica nas vilas.
Durante a sinatura, Luis Menor destacou que a administración ourensá consolídase como a entidade galega con máis liñas de colaboración co Goberno autonómico, sinalando ademais que a meta é "potenciar o mercado tradicional, dar valor á actividade dos produtores e promover o consumo de produtos de proximidade". Engadiu tamén que isto reflicte o esforzo por recuperar estes espazos e situar á institución como un instrumento de apoio económico clave. Pola súa banda, o conselleiro José González detallou que as prazas beneficiarias deberán contar cunha diagnose de situación e usos, así como cun proxecto de reforma, cumprindo os requisitos para alcanzar o recoñecemento de excelencia comercial.
