Cooperación institucional na loita contra o lume

Xunta e Deputación mobilizan catro millóns de euros para crear 22 brigadas contra incendios | NOTICIAS XINZO

Acto de presentación do protocolo de colaboración dotado con preto de catro millóns de euros para o reforzo de medios humanos e materiais na loita contra o lume na contorna agroforestal ourensá.

A loita contra os incendios forestais na provincia de Ourense recibiu este martes un impulso definitivo coa firma dun protocolo de colaboración de gran calado institucional. A conselleira do Medio RuralMaría José Gómez, e o presidente da Deputación de OurenseLuis Menor, rubricaron esta mañá un acordo que mobiliza preto de catro millóns de euros destinados integramente a blindar o medio rural ourensán. 

A conselleira María José Gómez e o presidente Luis Menor formalizan o novo protocolo de colaboración na Delegación Territorial da Xunta.

Esta alianza estratéxica permitirá a posta en marcha inmediata de 22 brigadas de prevención e extinción, que desenvolverán a súa actividade operativa durante un período ininterrompido de seis meses.

O convenio asinado hoxe supón a consolidación dun modelo de éxito que tivo a súa orixe nun programa piloto en 2025. Tras os bos resultados acadados o pasado exercicio con 16 unidades, o dispositivo medra este ano ata as 22 brigadas, incorporando por primeira vez ás mancomunidades da Comarca de Ourense e Santa Águeda, que se suman así ás do RibeiroTerra de CelanovaComarca do Carballiño e a Mancomunidade de Verín

O orzamento estrutúrase en dúas grandes partidas: 1,9 millóns de euros destinados especificamente ao custo do persoal das brigadas e unha ambiciosa dotación para maquinaria na que a Deputación aporta 1,4 millóns para tractores con rozadoira e a Xunta máis de 2,5 millóns para medios técnicos e formación.

As funcións destas brigadas irán máis alá da extinción, centrando o groso do seu traballo na vixilancia e na prevención de xeito manual e mecanizado. O obxectivo é actuar sobre o terreo mediante rozas e limpeza de infraestruturas preventivas, facilitando o mantemento da contorna agroforestal. 

Complementariamente, o persoal recibirá formación de alto nivel no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, garantindo que as intervencións se realicen coa máxima seguridade e eficacia técnica. No eido material, o protocolo xa permitiu neste 2026 a entrega de 12 novos tractores e prevese a incorporación de máquinas hidrostáticas polivalentes, ferramentas clave pola súa versatilidade en zonas de difícil acceso.

Esta actuación enmárcase nun contexto de máximo investimento autonómico. A conselleira María José Gómez lembrou que a actualización do Pladiga 2026 conta co maior orzamento da súa historia, 213 millóns de euros, o que supón un incremento do 18 % respecto ao ano anterior. 

Pola súa banda, Luis Menor recalcou que desde 2019 a cooperación institucional permitiu dotar a máis de 50 concellos de medios reais, subliñando que a coordinación entre a administración autonómica e provincial é "a ferramenta máis eficaz" para protexer unha das provincias máis castigadas polo lume, garantindo así a sustentabilidade e o futuro de Ourense.