A Xunta inviste 1,3 millóns para modernizar as prazas de abastos de Xinzo e O Carballiño | NOTICIAS XINZO
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, co alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, e co rexedor de Xinzo de Limia, Amador Díaz. O acordo recolle unha achega autonómica conxunta próxima aos 1,3 millóns de euros para a execución de importantes reformas e melloras nas prazas de abastos de ambos os dous municipios ourensáns. O acto contou tamén coa presenza do delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.
Esta intervención desenvólvese dentro do Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes e do protocolo asinado previamente coa Deputación de Ourense para a dinamización dos espazos comerciais da provincia. Segundo explicou o titular de Comercio, estas axudas financian actuacións baseadas en diagnoses de situación previas. O financiamento distribúese coa achega do 70% por parte da Consellería, o 20% a cargo da institución provincial e o 10% restante asumido por cada un dos concellos implicados.
No caso concreto de Xinzo de Limia, a actuación planificada para este ano 2026 conta cun orzamento de preto de 210.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará case 147.000 euros. Con este novo convenio, o investimento total autonómico neste espazo rolda o medio millón de euros, completando os traballos realizados en fases anteriores na comarca.
O proxecto no mercado limiao céntrase en traballos de adecuación interior para convertelo nun escaparate de produto galego de calidade, vinculado á sustentabilidade e ao trato próximo. As obras incidirán especificamente nos revestimentos, os acabados interiores, o illamento, o mobiliario e os sistemas de ventilación e climatización do edificio.
Por outra banda, o conselleiro fixo referencia á situación doutros espazos da provincia que poderían beneficiarse deste tipo de colaboracións institucionais, sinalando directamente o caso da Praza de Abastos número 1 de Ourense. O representante autonómico reiterou que se mantén a man tendida cara ao Concello de Ourense para buscar unha vía consensuada que responda ás necesidades dos usuarios e permita desbloquear a parálise derivada das decisións do goberno municipal da capital.