Os municipios afectados son Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia

A Xunta prohíbe a cría de aves de curral ao aire libre en cinco concellos da Limia

A Xunta prohíbe a cría de aves de curral ao aire libre en cinco concellos da Limia.

A Xunta informará das novas medidas de prevención fronte á influenza aviaria que se aplicarán en 40 concellos galegos —entre eles Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia— para reforzar a protección das explotacións avícolas ante o incremento desta patoloxía en España e noutros países europeos da contorna.

As restricións, que entrarán en vigor o vindeiro luns 10 de novembro, están establecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en coordinación coas comunidades autónomas. A situación de risco epidemiolóxico elevouse polo aumento de novos focos en aves silvestres e de curral rexistrados nas últimas semanas, se ben en Galicia non hai casos notificados en aves domésticas.

 

Entre as medidas destaca a prohibición de criar aves de curral ao aire libre. Só se permitirá esta práctica cando existan garantías de que non haberá contacto directo nin indirecto con aves silvestres, por exemplo a través da auga ou do alimento. Tamén queda vetada a cría conxunta de patos e gansos con outras especies e o uso de aves das ordes Anseriformes e Charadriiformes como reclamo en actividades cinexéticas.

 

Así mesmo, non se poderá empregar auga procedente de depósitos accesibles a aves silvestres, salvo que se trate adecuadamente para inactivar o virus. No caso de depósitos exteriores necesarios polo benestar animal, deberán estar protexidos convenientemente. Outra das restricións afecta á presenza de aves de curral en mercados, certames gandeiros, mostras ou celebracións culturais; só se poderán autorizar excepcións tras unha avaliación individual de risco das autoridades competentes.

 

A Xunta lembra que estas medidas xa se aplicaban nos concellos catalogados como Zona de Especial Risco, pero agora amplíanse ás denominadas Zonas de Especial Vixilancia, onde se atopan os cinco municipios da Limia. A Consellería do Medio Rural insiste na importancia de reforzar a bioseguridade nas explotacións avícolas, tanto industriais como familiares, e de comunicar de inmediato calquera sospeita da enfermidade aos Servizos Veterinarios Oficiais ou ao teléfono 012 no caso de atopar aves silvestres enfermas ou mortas.

 

A pesar da elevada circulación do virus H5N1 en Europa, o serotipo detectado demostrou un escaso carácter zoonótico. Con todo, recoméndase evitar o contacto coas aves afectadas e manter a vixilancia especialmente alta nas próximas semanas, coincidindo coa baixada das temperaturas e coas migracións de aves procedentes do centro e norte de Europa.