Do 15 ao 25 de agosto

A XXV Festa do Esquecemento arrinca cunha homenaxe visual que percorre 25 anos de historia

Exposición "25 anos en imaxes".

A XXV Festa do Esquecemento inicia a súa programación cunha homenaxe visual que repasa un cuarto de século de traxectoria. As exposicións "Os 25 carteis do Esquecemento" e "25 anos en imaxes" reúnen un total de 50 pezas que estarán distribuídas en máis de vinte locais da hostalería de Xinzo, situados na rúa dos Viños, Praza Maior, contorna do Parque do Toural e espazos próximos.

 

Desde o 15 ata o 25 de agosto, quen se achegue a estes establecementos poderá gozar dunha mostra que invita a viaxar no tempo, redescubrindo símbolos, imaxes e momentos que marcaron a evolución desta celebración histórica.

 

A organización, a A.C. Civitas Limicorum, subliña que "lembrar de onde vimos é a mellor maneira de saber cara onde imos". Un acto de respecto e memoria, que pon en valor o camiño percorrido durante estes 25 anos e que non sería posible sen o esforzo da veciñanza, participantes e entidades colaboradoras.

 

Estas dúas mostras forman parte da programación previa da festa e engaden, en clave de memoria, o contexto histórico e colectivo que fai do Esquecemento un acontecemento singular en Galicia. Un convite a sentir, revivir e celebrar a nosa historia antes de que a vila se encha de recreación, música e convivencia.

 

Exposición "25 anos en imaxes".