miércoles. 24.04.2024

Representantes da Asociación de Produtores da Pataca da Limia, a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia, o Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega e Unións Agrarias reunidas esta mañá na Casa do Concello de Xinzo de Limia acordaron a convocatoria dunha tractorada para o próximo venres, día 25 de marzo, en Xinzo. A tractorada sairá do Toural ás 11:00 horas e realizará un percorrido pola contorna de Xinzo para regresar ao punto de partida.

As organizacións agrarias e gandeiras solicitarán a adhesión aos concellos da comarca da Limia, así como ao resto de sectores produtivos e veciñanza en xeral. A mobilización deste venres, para a que se están a tramitar os permisos necesarios e deseñar o percorrido, dará continuidade á xornada de protesta de mañá martes.

A semana pasada, as mesmas organizacións, convocaron para mañá martes, día 22, unha concentración cidadá na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia. Na reunión deste luns no Concello de Xinzo, acordaron as reivindicacións "dun amplo manifesto", segundo fontes, que será lido durante a protesta de mañá.

Gandeiros e agricultores reclamarán rebaixas de impostos aos carburantes e outras medidas fiscais de medio alcance dado que, segundo consideran, a crise dos sector primario, derivada dos custes enerxéticos, será longa. A mobilización do sector primario chega apenas uns días despois de que Xinzo vivise a dos transportistas, cun amplo seguimento da caravana de camións que se desprazou o venres pasado até o Polígono de San Cibrán das Viñas.

NOTICIAS A LIMIA | Os tractores tomarán Xinzo este venres