jueves. 25.04.2024

Manuel Quintas, pequeno empresario á fronte dunha empresa familia desde 1956, organizaba onte a saída dos camións desde o Parque Empresarial de Xinzo de Limia. Non eran camións con material para as persoas refuxiadas da guerra en Ucraína. Eran camións sen remolque, de traballadores e autónomos limiás, que levan case unha semana de protestas.

A caravana, atronadora, cruzou Xinzo ao mediodía, e formou unha ringleira quilométrica na A-52 camiño de Rante onde se xuntaron os corenta camións da Limia con case un cento procedentes doutras comarcas, desde O Ribeiro e Celanova até Ourense, base de boa parte do sector. 

“Desde setembro hai unha suba progresiva do prezo do gasóleo. En marzo incrementouse de súpeto en 58 céntimos por litro. Todo o que pase de 1,30 por litro témolo que pór dos nosos aforros, estabamos traballando por baixo do custe. Isto é inviábel. Manifestámonos por iso, para que se baixen os impostos ao combustíbel e se moderen os prezos do gasóleo”, explica Quintas.

Mais a resposta do Goberno do Estado e do gran aparato mediático foi criminalizar aos transportistas. “Na pandemia eramos uns heroes; agora din que somos de ultradereita”, lamenta o empresario. Ao seu lado, ducia e media de camioneiros preparados para a primeira gran protesta na Limia. “Pedimos o apoio da cidadanía, por iso saímos hoxe [por onte]. O prezo do gasóleo determina o prezo que temos que cobrar aos cargadores e despois repercute no prezo dos produtos da cesta da compra. Isto é o que a televisión non explica”, di Manuel Quintas.

Pouco despois das once da mañá, os cláxon da caravana escóitanse en todo Xinzo. Despois, a ringleira. Antes do mediodía, colapso na rotonda de Rande que dá acceso ao Polígono de San Cibrán. Xúntanse máis de 150 camións. Catro patrullas da Garda Civil ordenan o acceso desde Ourense, desde Celanova e desde Xinzo. Os camioneiros están afeitos á paciencia. 

“Somos traballadores, non somos agresivos. Defendemos o noso e estamos acostumados a botar horas na estrada, a ter que pasar controis, a pasar controis exhaustivos. Que non enganen á xente. Isto viña de antes do de Ucraína. As grandes empresas negocian o seu e nós... viaxe que collas por axencia, viaxe que non cobres gastos nin gasóleo. Traballar por baixo do custe significa ter que pór do teu peto 300 euros para poder traballar”, resume un dos transportistas.

Caravana de camións (30)
A caravana, onte, pola avenida de Madrid en Xinzo.

A folga no transporte por estrada continúa. Os camioneiros, veciños, recibiron onte apoio ao seu paso por Xinzo. Eles representan parte da vizosa economía da comarca. Despois, na A-52 e no descanso en Rante, máis vehículos replicaron co cláxon a queixa dos camioneiros. O combustíbel está pola nubes. Os custes soportámolos todos. 

NOTICIAS A LIMIA | “Na pandemia eramos uns heroes; agora, de ultradereita”