jueves. 25.04.2024

A borrasca Celia, situada este martes sobre o golfo de Cádiz, e que está a deixar chuvias e temporal no sur da Península, trouxo para Galicia unha masa de aire africano con partículas de po en suspensión e temperaturas moi suaves para este época.

A Limia, e toda a provincia de Ourense, experimentará durante esta tarde esa calima, como consecuencia dese movemento de aire e po africano, que xa deixou rexistro nas estacións de medición de calidade do aire en Laza e Xinzo.

En Laza, os valores anómalos empezaron a detectarse as 09:00 horas, e disparáronse en apenas unha hora até os 678 μg/m3 (microgramos/metro cúbico). Ás 15:00 horas estaban xa nos 745 microgramos. En Xinzo de Limia, os valores anómalos deron en subir a partir do mediodía, e dunha concentración de 110 μg/m3 pasouse a outra de 552 microgramos ás 15:00 horas.

"É unha masa que vén de sur a norte e probabelmente notarase máis a medida que avance a tarde, e seguirá cara o norte, cara o Cantábrico", informan desde MeteoGalicia. En Xinzo de Limia, a temperatura ás 16:00 horas superaba os 18 graos. En Laza, aos 20, pero cunha sensación térmica maior: 25 graos.

"Neste caso, a contaminación do aire ten un compoñente moi preciso e unha orixe clara, son partículas en suspensión, coñecidas como aerosois", engaden en MeteoGalicia. O fenómeno será pasaxeiro e o cambio nas temperaturas, brusco. Mañá o vento de compoñente sur cambiará a vento do norte e baixarán as temperaturas.

NOTICIAS A LIMIA | O po en suspensión na Limia será máis intenso esta tarde e...