martes. 09.06.2026

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, destacou esta mañá en Sarreaus o papel dos camiños rurais como elemento clave para garantir a cohesión social e territorial no rural. Fíxoo durante a visita que realizou xunto ao alcalde, Gumersindo Lamas, para presentar o investimento que recibirá o municipio no marco do Plan Camiña Rural 2025-2026.

 

A través deste programa, a Consellería do Medio Rural, mediante Agader, destina 48.817 euros á mellora de vías de acceso a parcelas agrícolas no concello. Segundo explicou Pardo, estas actuacións non só facilitan o tránsito da maquinaria ás explotacións, senón que tamén contribúen a reducir custos, mellorar os tempos de produción e incrementar a competitividade agraria e forestal.

 

O investimento permitirá ampliar, reforzar e acondicionar camiños municipais que conectan como mínimo dúas parcelas agrícolas, así como mellorar o firme, a drenaxe, a sinalización ou a limpeza das marxes. Quedan excluídas as intervencións en rúas situadas dentro dos núcleos de poboación.

 

Na comarca da Limia son dez os concellos beneficiados por esta convocatoria, cun orzamento global próximo aos 500.000 euros. Ademais de Sarreaus, recibirán fondos Porqueira (44.676 €), Os Blancos (40.000 €), Vilar de Barrio (55.790 €), Baltar (45.911 €), Rairiz de Veiga (48.857 €), Sandiás (48.406 €), Trasmiras (44.087 €) e Xinzo de Limia (66.387 €).

 

Pardo puxo en valor que a Xunta leva investidos máis de 167 millóns de euros desde 2016 na mellora de infraestruturas rurais en Galicia. En total, melloráronse 6.042 camiños municipais, cunha lonxitude acumulada de 4.744 quilómetros. O Plan Camiña Rural, anteriormente coñecido como Plan Marco, convócase de forma continuada desde 2013, consolidándose como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento sostible do rural galego.

A Xunta investirá preto de 500.000 euros na mellora de camiños rurais na Limia